Maribel del Pozo Triviño é licenciada en Filoloxía Hispánica pola National University of Ireland e licenciada e doutora en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Actualmente desempeña o cargo de Vicerreitora de Internacionalización na Universidade de Vigo. Anteriormente foi Vicedecana de Relacións Internacionais (2015-2020) e Responsable de Igualdade de Xénero (2015-2022) na Facultade de Filoloxía e Tradución.
A experiencia docente de Maribel é ampla, abrangue programas de grao e posgrao tanto en España como no estranxeiro, en institucións como a UAB, UAH, UJI, UPC e a Universidade de Gante. Dirixe o grupo de innovación docente «LINKTERPRETING: Teaching from a Human Rights Viewpoint» e coordina a páxina web LINKTERPRETING, de amplo uso no ámbito educativo, centrada no ensino e na autoaprendizaxe da interpretación. Tamén dirixiu teses de doutoramento e traballos de fin de máster e grao, tanto na Universidade de Vigo coma noutras universidades, nacionais e internacionais.
Ademais das súas funcións docentes e administrativas, Maribel coordinou diversos proxectos europeos, entre eles SOS-VICS e JUSTISIGNS2, así como proxectos de cooperación ao desenvolvemento como MELINCO. Realizou estadías de investigación en países como Canadá, Portugal, Bélxica e Australia. Participou en numerosos congresos internacionais, con frecuencia como relatora convidada, e conta con ampla experiencia na organización de eventos académicos internacionais.
Maribel coordina a universidade europea ATHENA. Ademais, asesora o Ministerio de Xustiza español na elaboración de leis destinadas a protexer os dereitos lingüísticos das persoas estranxeiras, particularmente grupos vulnerables como migrantes, refuxiados, vítimas de violencia de xénero e vítimas de trata de persoas. A súa colaboración activa con organizacións sociais ten como obxectivo mellorar a comunicación con persoas que afrontan barreiras lingüísticas e culturais.