Recursos

Recursos humanos

– investigadores/as vinculados: persoal docente e investigador doutor vinculado a tempo completo á UVigo e/ou investigadores/as doutores/as doutras institucións adscritos á UVigo mediante acordos institucionais que recoñezan a súa relación formal co Instituto

– investigadores/as non permanentes: persoal investigador contratado especificamente con cargo a programas ou a proxectos de investigación de acordo co marco laboral e normativo aplicable

– investigadores/as en formación: persoal investigador matriculado nalgún programa de doutoramento da UVigo que conte coa dirección ou coa codirección dun investigador/a vinculado ao Instituto

– persoal de administración e servizos: persoal do cadro da UVigo ou contratado para programas específicos de investigación

– investigadores/as garantes: Para garantir a solvencia científica do iLingua, o Regulamento para a creación e xestión dos Institutos de investigación da UVigo establece a figura do investigador/a garante como persoal investigador con vinculación permanente e a tempo completo na UVigo que, cumprindo os criterios de excelencia e competencia científica, avala e garante o desenvolvemento do programa e os obxectivos definidos para o Instituto na súa constitución:

  • Xosé Henrique Costas González
  • José María García-Miguel Gallego
  • José Montero Reguera
  • Javier Pérez Guerra
  • Pablo Romero Fresco
  • Elena Sánchez Trigo
  • Elena Seoane Posse
  • Nuria Yáñez Bouza

O iLingua poderá contar con investigadores/as colaboradores, isto é, persoal investigador non incluído nos apartados anteriores que colabore nalgún proxecto ou programa do Instituto.

Recursos materiais

O iLingua conta con espazo propio de traballo multidisciplinar, investigación e administración na Facultade de Filoloxía e Tradución (FFT) da Universidade de Vigo (aproximadamente 120 m2), cunha rede de comunicacións e equipamento informático que permite o traballo de investigadores/as en formación, posdoutorais e visitantes, así como a celebración de reunións de traballo, seminarios e obradoiros de investigación.  As persoas usuarias deberán ser dadas de alta previamente polo persoal investigador vinculado ao iLingua, mediante o formulario https://forms.gle/6BmBFSGJahrawHSm6. As persoas usuarias xa rexistradas previamente a través deste formulario non teñen que ser dadas de alta de novo. Aquelas persoas anotadas recollerán as chaves da sala 9 (2º andar, pavillón Newton) na conserxería da FFT. A normativa de uso está dispoñible en https://sites.google.com/view/ilingua–normativausopostosinf/inicio. Así mesmo, conta cun set de autogravación de pílulas e podcasts para que calquera membro poda gravar autónomamente unha peza de vídeo e/ou audio, para a súa docencia ou investigación, co equipamento  (croma, cámara, iluminación, micros) e o software dispoñibles.

A localización do iLingua no pavillón Newton da FFT tamén permite o acceso ás dependencias do Laboratorio de Linguaxe e Cognición. Este Laboratorio ten equipamento de última xeración para a exploración neurocognitiva (encefalógrafo, espectroscopía por infravermello cercano, dous sistemas de eyetracker), así como cámara insonorizada. No que respecta ao software e aos materiais electrónicos, o iLingua dispón de recursos externos e internos que inclúen dicionarios, editores XML, programas para o tratamento de datos, corpus multilingües e bases de datos lingüísticas, tanto de creación propia como adquiridas.