Publicacións

Convocatoria de publicacións na serie “Lingua”

1. Xustificación

O Instituto de investigación Lingua (iLingua) abre a serie ‘Lingua’ no Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, co obxectivo de crear un espazo editorial para a publicación de monografías e obras colectivas sobre investigación en linguas e lingüística.
Priorizaranse as propostas de publicación que se insiran dentro das liñas de investigación do iLingua (https://ilingua.uvigo.gal/es/investigacion/) pero tamén poderán tomarse en consideración aqueles orixinais que sexan resultado de investigacións diferentes ás que se desenvolven nel, sempre tendo en conta criterios de calidade, novidade e interese para o Instituto.
Os orixinais presentados serán avaliados pola comisión científica do iLingua, a cal preseleccionará aqueles que serán sometidos a un proceso de revisión por pares. Tendo en conta os resultados do proceso de avaliación e mailas dispoñibilidades orzamentarias, a comisión científica do iLingua e mailo Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo determinarán o número de volumes que serán publicados por convocatoria.

2. A quen se dirixe

Poderán optar a publicar nesta serie:

  • os membros do iLingua
  • as persoas integrantes de grupos de investigación que colaboren co iLingua, desde calquera universidade ou centro de investigación
  • calquera investigador/a que achegue unha proposta novidosa, de calidade e interese

3. Tipo de obras e condicións de publicación

Publicaranse monografías resultado dunha investigación lingüística ou volume colectivos conformado por contribucións temáticas. No segundo caso, haberá unha ou varias persoas responsables da selección e revisión inicial dos capítulos e da coordinación temática entre eles.
Admitiranse orixinais en calquera das linguas habituais na investigación e divulgación científicas. Unha mesma obra pode incluír capítulos ou seccións en diferentes linguas.
As obras seleccionadas nesta convocatoria publicaranse en formato físico (papel). A distribución e o intercambio dos libros promoveranse polo Servizo de Publicacións. Co obxecto de aumentar o alcance da difusión das publicacións e a visibilidade da Universidade de Vigo, e seguindo liñas de traballo comúns que están a ser de aplicación nunha boa parte das prensas universitarias, os traballos que se publiquen nesta convocatoria, pasado o tempo estipulado polo contrato de edición, serán tamén publicados en aceso aberto gratuíto a través da web do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo baixo licenza Creative Commons Reconocimiento-NoComercial-SinObraDerivada 4.0 España.

4. Procedemento e prazo de solicitudes

As persoas solicitantes presentarán ben a versión electrónica do volume completo ben unha proposta de publicación que inclúa polo menos a versión definitiva da metade do volume final (neste caso, achegarase tamén un compromiso de que o libro completo estará dispoñible no prazo de tres meses trala selección de orixinais).
A solicitude debe presentarse a través do formulario en liña dispoñible en https://forms.gle/Q4WXnCANMhnmtS7G8
O prazo de presentación vai desde a data de publicación desta convocatoria ata o 30 de setembro de 2025 .
Recibidas as solicitudes, publicarase a resolución provisional de persoas admitidas e excluídas con efectos de notificación na páxina web do iLingua . Contra esta resolución poderán as persoas interesadas formular alegacións, concedéndose para isto un prazo de 10 días hábiles, contados dende o día seguinte ao da publicación da proposta. A resolución definitiva de solicitudes admitidas e excluídas publicarase con efectos de notificación na páxina web do iLingua.

5. Avaliación e selección

Á vista das solicitudes presentadas, o iLingua buscará a colaboración de persoas expertas externas ao iLingua cara á fase de avaliación. Cada proposta preseleccionada recibirá, cando menos, dúas avaliacións. O proceso de revisión por pares levarase a cabo con todas as garantías de confidencialidade e ausencia de conflito de interese. Unha vez recibidos os informes para todas as propostas, a comisión científica do iLingua resolverá sobre que proposta ou propostas serán publicadas. Na súa decisión poderán tomarse en consideración os seguintes criterios, alén dos informes recibidos:

  • preferencia por obras que sexan resultados nas liñas de investigación do iLingua
  • preferencia por obras que teñan en conta a perspectiva de xénero na investigación (de acordo coa normativa europea e española).

A comisión científica fará constar na acta de concesión os criterios manexados.
A proposta da comisión científica comunicarase ao persoal investigador solicitante, podendo as persoas interesadas formular alegacións, para o que haberá un prazo de 10 días hábiles desde o día seguinte á data de notificación. Posteriormente, comunicarase a resolución definitiva de concesión, a cal esgota a vía administrativa.
O prazo máximo para resolver e publicar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses, contados desde a data de remate do prazo de presentación de solicitudes. O vencemento do prazo máximo indicado sen terse publicada a resolución lexitima ás persoas interesadas para entender desestimada por silencio administrativo as súas solicitudes.

Calquera dúbida relativa a esta convocatoria pode facerse por correo electrónico a ilingua@uvigo.gal.

Listaxe provisional de solicitudes admitidas (01/10/2025):

  • Juan Carlos Moreno Cabrera