Premios

O Instituto de investigación Lingua (iLingua) da Universidade de Vigo, co obxectivo de contribuír ao recoñecemento da investigación no ámbito das linguas e apoiar a súa visibilidade, publica a convocatoria de premios iLingua 2026. A presente convocatoria pretende recoñecer e premiar a excelencia na investigación científica nas liñas do iLingua: https://ilingua.uvigo.gal/gl/il/investigacion/linas/

Para este fin, convócanse os premios:

  • premio á traxectoria investigadora. Este premio ten como finalidade recoñecer traxectorias investigadoras individuais sobresaíntes que contribuíran de xeito significativo ao avance do coñecemento e á súa difusión na investigación no ámbito das linguas, así como á formación de novas xeracións de especialistas.
  • premio á publicación máis destacada en 2025. Este premio ten como finalidade recoñecer publicacións de impacto que contribuíran de xeito significativo ao avance da investigación no ámbito das linguas.

Requisitos

Premio á traxectoria investigadora:

  • contar cunha traxectoria investigadora prolongada, en todo caso superior a 20 anos de labor investigador acreditado
  • posuír unha produción investigadora de calidade e impacto
  • amosar un compromiso ético e académico exemplar
  • ter mentorizado e titorizado persoal investigador novel e consolidado
  • fomentar a divulgación e/ou a transferencia á sociedade dos resultados científicos
  • non ter relación directa co iLingua.

Premio á publicación máis destacada en 2025:

  • ter publicado no ano 2025 un traballo de investigación (artigo, capítulo ou monografía) en acceso aberto e/ou dispoñible en repositorios recoñecidos pola comunidade científica, ben como autor/a único/a ou en coautoría. No segundo caso, o premio entregarase de maneira conxunta a todas as persoas coautoras.
  • non ter relación directa co iLingua.

Avaliación

Os premios serán avaliados por un xurado nomeado polo comité científico do iLingua. A avaliación das candidaturas obedecerá a criterios que serán acordados polo xurado previamente á valoración, os cales serán publicados xunto co fallo. O fallo do xurado será inapelable. Os premios poderanse declarar desertos se o xurado así o estima oportuno. A participación na convocatoria implica a aceptación íntegra destas bases e do fallo do xurado.

Presentación de candidaturas

As persoas interesadas deberán enviar a súa candidatura por correo electrónico ao enderezo ilingua@uvigo.gal, co asunto ‘Premio á traxectoria investigadora’ ou ‘Premio á publicación máis destacada en 2025’. Na súa candidatura aportarán:

  • datos persoais e de contacto
  • memoria de motivación da candidatura, non superior a 1.000 palabras
  • premio á traxectoria investigadora: cv en calquera formato aceptado pola comunidade científica
  • premio á publicación máis destacada en 2025: enlace á publicación.

O prazo de recepción de candidaturas rematará o 31 de maio de 2026.

Difusión e acto público

O iLingua difundirá o fallo a través das canles de comunicación internas e externas (web, blog, listas de distribución, redes sociais, medios externos). Dependendo da dispoñibilidade orzamentaria, o iLingua poderá organizar un acto público (presencial e/ou telemático) de entrega dos premios, coa presenza das persoas premiadas.

Política de protección de datos

De conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril (RXPD), e na Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro (LOPDGDD), infórmase ás persoas participantes do seguinte:

  • Responsable do tratamento dos datos: Instituto de investigación Lingua, con sede na Universidade de Vigo (Facultade de Filoloxía e Tradución, Campus Universitario, 36310 Vigo) e correo electrónico ilingua@uvigo.gal
  • Finalidade do tratamento: Os datos requiridos empregaranse unicamente para a xestión da presente convocatoria: avaliación das candidaturas, comunicación dos resultados e, se é o caso, difusión pública.
  • Conservación: Os datos conservaranse só durante o tempo necesario para cumprir coas finalidades descritas e coas obrigas legais aplicables.
  • Intransferibilidade: Os datos non serán cedidos a terceiras partes, salvo obriga legal, ou para a difusión dos resultados da convocatoria nas canles mencionadas.
  • Dereitos: As persoas participantes nesta convocatoria poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión, limitación do tratamento, oposición e portabilidade mediante solicitude escrita dirixida ao Instituto.
  • Publicación: A presentación da candidatura implica a autorización para que os nomes das persoas premiadas poidan ser publicados. Os nomes das persoas candidatas non premiadas non serán publicados en ningún caso.