Presentación

No contexto actual, resulta imprescindible a planificación estratéxica das actividades de investigación, desenvolvemento e innovación, así como a súa adecuada harmonización co contexto nacional e internacional. Ao mesmo tempo, cómpre unha coordinación eficaz das accións de I+D+i nun mesmo ámbito disciplinar, co obxectivo de acadar metas científicas de maior alcance, acceder a vías de financiamento da investigación, atraer e reter talento investigador e mellorar o posicionamento internacional da institución e dos seus grupos de investigación.

O Instituto de Investigación Lingua (iLingua) da Universidade de Vigo xorde como resposta a estas necesidades, consolidando unha aposta institucional pola internacionalización e o prestixio da actividade científica, da investigación e da transferencia do coñecemento no ámbito lingüístico. Esta iniciativa susténtase tamén na existencia dunha masa crítica de persoal investigador en lingüística na institución, con representación nas diversas áreas da disciplina. A investigación en linguas e lingüística na Universidade de Vigo abrangue liñas fundamentais nas áreas de lingua e literatura galega, española e doutras linguas estranxeiras, así como na tradución e interpretación destas. A singularidade máis destacada reside na presenza consolidada de estudos e investigacións en tradución e interpretación, xa que a Universidade de Vigo é a única institución galega de ensino superior que ofrece titulacións de grao e posgrao neste ámbito. Así mesmo, identifícanse liñas específicas de investigación noutras áreas clave como a mediación intercultural, as tecnoloxías aplicadas ao procesamento lingüístico, as relacións entre linguaxe, discurso e sociedade, a lingua de signos ou a variación lingüística, incluída aquela que se produce, por exemplo, no inglés como lingua global. Todo isto configura un punto de partida privilexiado para o impulso da investigación e da transferencia no eido da linguaxe e das linguas no mundo contemporáneo.