Iolanda Galanes Santos

Iolanda Galanes Santos é doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela (1999), con estudos de posgrao na Université de Laval (Quebec) e estadías posdoutorais na Universidade de São Paulo (Observatório de Neologismos do Português Contemporâneo) e na Université de Montréal (Observatoire Linguistique Sens-Texte), entre outras. Desde o ano 2000 pertence ao Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo, con docencia en grao, mestrado e doutoramento; desde 2008 imparte tamén docencia, como profesora visitante convidada, en varias universidades estranxeiras.

As súas liñas de investigación son a Terminoloxía en tradución e a Tradución literaria. É membro do grupo de investigación BITRAGA (Catálogo Virtual da Tradución Galega) desde a súa fundación (2003). Na actualidade, a súa actividade investigadora céntrase na creación de recursos terminolóxicos, no estudo dos fluxos da tradución literaria galega (xéneros e autorías) e na relación entre Tradución e Internacionalización. Dirixiu equipos de investigación e participou en varios proxectos de I+D+i, forma parte de diferentes redes temáticas internacionais (XESCOM, REALITER) e é investigadora principal da liña Terminoloxía e Terminografía no grupo BiFeGa (Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia).

É autora e coautora de varias monografías. Participa desde hai tres décadas en congresos internacionais e publica regularmente capítulos e artigos académicos sobre as devanditas liñas de investigación. Entre os resultados de investigación inclúense numerosas publicacións en revistas e editoriais de referencia (Babel, Onomazéin, Sendebar, John Benjamins, Springer, Gunter Narr, Peter Lang, etc.). No referente á transferencia de coñecemento, é coautora de varios dicionarios terminográficos de ámbito internacional (Office québécois de la langue française, Ministère de la Culture de Francia, Translation Bureau de Canadá, TermCoord da UE, etc.), así como tradutora ou revisora de decenas de publicacións. Foi presidenta da Sociedade Galega de Terminoloxía (2005–2022) e desde 2022 é membro do comité científico de REALITER (Rede Panlatina de Terminoloxía). Participa en consellos de redacción e científicos de revistas e congresos internacionais.