Béatrice Pépin

Béatrice Pépin é titular dun Mestrado en Tradución xurídica e económica da Universidade de Cergy-Pontoise (Francia, 2001) e dunha Licenciatura en Tradución e Interpretación por homologación (2005). Anteriormente, cursara un ano da súa Maîtrise LEA (Linguas estranxeiras aplicadas, opción Tradución especializada, 1998) na Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo no marco do programa Erasmus. Exerce como tradutora autónoma desde o 2003 e compaxina a tradución pragmática coa literaria e humanística, eidos nos que ten publicadas traducións do galego, castelán e portugués a francés. Actualmente é docente contratada no departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá na Universidade de Vigo. Así mesmo é investigadora predoutoral no Programa de Doutoramento en Tradución e Paratradución da mesma universidade e pertence ao grupo de investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación (BiFeGa). A súa investigación céntrase na tradución da literatura galega, con especial interese na poesía como praxe e eido ideal de paratradución, non sen certos arrodeos, nomeadamente a creación editorial e a difusión das letras galegas.