Alicia Sentí Janssen é diplomada en Maxisterio de Educación Primaria (2011), graduada en Estudos de Galego e Español (2016), titulación pola que recibiu o Premio Extraordinario de Grao da Universidade de Vigo, e máster en Lingüística Aplicada (2017).
Actualmente desenvolve a súa tese de doutoramento no Programa de Doutoramento en Estudos Lingüísticos da Universidade de Vigo. A súa investigación inscríbese na sociolingüística interaccional e na análise do discurso, e examina como os membros dun grupo de amigos constrúen e negocian as súas identidades de xénero a través do chisme e ao longo de distintos episodios da súa historia conversacional.
Así mesmo, é profesora interina no Departamento de Filoloxía Galega e Latina (Universidade de Vigo), con docencia nas facultades de Comunicación e de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra.