Alejandro Saá Viéitez

Alejandro nace en Vigo en 1980. En 1998, comeza estudos de Xornalismo en Madrid. Alí entra en contacto co teatro universitario, onde comeza a súa formación como actor ata que, en 2002, ingresa na Real Escuela Superior de Arte Dramático, onde se gradúa na especialidade de Interpretación Textual en 2006. Desde entón, traballa como actor coa Compañía Nacional de Teatro Clásico (onde tamén foi asesor de verso), o Centro Dramático Nacional, o Centro Dramático Galego, a Fundación Siglo de Oro, Moma Teatre e Nao d’amores —entre outras compañías— e con directores como Eduardo Vasco, Helena Pimenta, Andrés Lima, Fefa Noia, Ernesto Arias, Carles Alfaro, Ana Zamora, Adriana Ozores e Natalia Menéndez. Desde 2016, compaxina a interpretación coa súa labor investigadora e docente —sempre centrada na voz, a palabra e o verso na Arte Dramática— en centros educativos como Fuentes de la Voz ou a Escuela Superior de Arte Dramático de Castela e León. Actualmente traballa como profesor no Departamento de Voz e Música da ESAD de Castela-A Mancha e está a cursar os seus estudos de doutoramento na Universidade de Vigo, onde investiga sobre as Nises de Jerónimo Bermúdez e a súa posta en escena pola compañía segoviana Nao d’amores.