Linguamente2026

Mente, tradución/interpretación e medios – O papel da mente na tradución e interpretación da arte e os medios audiovisuais para persoas con e sen discapacidade

Coordina: Pablo Romero Fresco, iLingua https://ilingua.uvigo.gal/gl/membros-il/pablo-romero-fresco/. 9 outubro 2026, 10:00am

Linguamente2026 é un evento online organizado polo Instituto de investigación Lingua da Universidade de Vigo sobre a conexión entre a linguaxe, as linguas e a cognición, dende perspectivas lingüística, social, neurolóxica e cognitiva. Linguamente2026 poderá seguirse en directo por streaming.

Pode acceder á gravación de Linguamente2025 en:

https://ilingua.tv.uvigo.es/series/68e8ce5fa906faa0c3502f43

Relatoras

María José García Vizcaíno: ‘A arte de describir arte: reflexións sobre a accesibilidade na pintura e na escultura’

Catedrática da Montclair State University (MSU). As súas principais liñas de investigación céntranse na audiodescrición e na accesibilidade táctil nos museos de arte. Conta cunha ampla produción científica publicada en prestixiosas revistas académicas, entre elas Journal of Pragmatics, Journal of Audiovisual Translation e Perspectives: Studies in Translatology, e presentou os resultados da súa investigación en numerosos congresos, paneis e simposios internacionais. Na actualidade, imparte audiodescrición en español na MSU e promove a participación do seu alumnado en proxectos orientados a facilitar o acceso ás artes escénicas e ás belas artes ao público hispanofalante con baixa visión en Nova York.

Ana María Rojo López: ‘Entre palabras, corpos e voces: emoción, creatividade, xénero e accesibilidade na audiodescrición’

Catedrática do Departamento de Tradución e Interpretación da Universidad de Murcia. É investigadora principal do grupo Tradución, Didáctica e Cognición e participa activamente en redes e espazos internacionais de investigación, como a Red Temática Internacional en Investigación Empírica y Experimental e o Laboratorio de Cognición y Comunicación Mediada Multilectal. A súa traxectoria investigadora sitúase na confluencia entre tradución, cognición e emoción, co obxectivo de comprender os procesos cognitivos implicados no acto de traducir e a influencia que exercen neles a experiencia e os factores individuais. As súas principais liñas de investigación abranguen a tradución e a cognición, así como a metodoloxía da investigación, cunha atención especial ao papel das emocións e dos factores individuais e de personalidade, particularmente a creatividade, no proceso tradutor.

Sofía Sánchez Mompeán: ‘A voz que (non) convence: cara a unha avaliación da calidade da dobraxe automática’

Profesora Titular do Departamento de Tradución e Interpretación da Universidad de Murcia, onde imparte docencia no grao en Tradución e Interpretación e no mestrado en Tradución Editorial. A súa investigación céntrase na tradución audiovisual e, particularmente, na dobraxe, con especial atención á prosodia, á creatividade, ás emocións e á avaliación da calidade. É autora de The Prosody of Dubbed Speech: Beyond the Character’s Words (Palgrave Macmillan, 2020), obra de referencia no ámbito dos estudos sobre tradución audiovisual e dobraxe. A súa produción científica inclúe, ademais, numerosos artigos publicados en revistas especializadas e capítulos en volumes colectivos. Na actualidade, a súa investigación céntrase na avaliación da calidade das voces automáticas e na súa aplicación á dobraxe e aos medios de comunicación.

Financiamento

  • Instituto de investigación Lingua
  • Programa de doutoramento en Estudos Ingleses Avanzados IDAES da UVigo