Linguamente2026 explora o papel da mente na tradución, na interpretación e na accesibilidade á arte e aos medios audiovisuais

10/11/2026. O Instituto de Investigación Lingua (iLingua) da Universidade de Vigo organizou unha nova edición de Linguamente, un encontro científico en liña dedicado a explorar as conexións entre a linguaxe, as linguas e a cognición desde perspectivas lingüísticas, sociais, neurolóxicas e cognitivas. Nesta ocasión, Linguamente2026 abordou os retos da dobraxe automática, a audiodescrición e o acceso á cultura das persoas con e sen discapacidade. Baixo o título ‘Mente, tradución e interpretación nos medios: o papel da mente na tradución e interpretación da arte e dos medios audiovisuais para persoas con e sen discapacidade’, o encontro, coordinado por Pablo Romero Fresco, catedrático de Tradución e Interpretación e investigador do iLingua, puido seguirse en directo a través da plataforma de streaming da Universidade de Vigo.

Linguamente2026 puxo o foco na maneira en que os procesos mentais, as emocións, a creatividade e a percepción inflúen na tradución e na interpretación dos contidos artísticos e audiovisuais. A través de tres conferencias e unha mesa redonda, abordáronse cuestións de especial relevancia nun contexto marcado polo desenvolvemento das tecnoloxías de xeración automática de voz e vídeo, e pola necesidade de avanzar cara a unha cultura máis accesible e inclusiva. A primeira intervención correu a cargo de Sofía Sánchez Mompeán, profesora do Departamento de Tradución e Interpretación da Universidade de Murcia, coa conferencia ‘A voz que (non) convence: cara a unha avaliación da calidade da dobraxe automática’. Especialista en tradución audiovisual e, prosodia, Sánchez Mompeán centrou a súa intervención nos desafíos que presenta a avaliación das voces automáticas empregadas na dobraxe e nos medios de comunicación. A segunda conferencia ‘Entre palabras, corpos e voces: emoción, creatividade, xénero e accesibilidade na audiodescrición’, impartida por Ana María Rojo López, catedrática de Tradución e Interpretación da Universidade de Murcia, afondou na relación entre os procesos cognitivos, as emocións e a creatividade na audiodescrición. Rojo López dirixe o grupo de investigación Tradución, Didáctica e Cognición en Murcia e conta cunha ampla traxectoria no estudo dos factores individuais e emocionais que interveñen nos procesos de tradución. A terceira conferencia foi pronunciada por María José García Vizcaíno, catedrática da Montclair State University (EEUU). Baixo o título ‘A arte de describir arte: reflexións sobre a accesibilidade na pintura e na escultura’, a profesora García Vizcaíno destacou o reto de facer accesibles as obras artísticas ás persoas con discapacidade visual. Especializada en audiodescrición e accesibilidade táctil nos museos de arte, García Vizcaíno desenvolve tamén proxectos que achegan as artes escénicas e as belas artes ao público hispanofalante con visión reducida. A xornada culminou cunha mesa redonda moderada por Pablo Romero sobre os contidos das presentacións previas, a través de preguntas formuladas tanto polo coordinador do evento coma pola audiencia en liña.Linguamente2026 estará dispoñible en breve a través do repositorio do iLingua en UVigoTV en https://ilingua.tv.uvigo.es/. O evento contou co financiamento do propio iLingua, o Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá e mailo programa de doutoramento en Estudos Ingleses Avanzados (IDAES) da Universidade de Vigo.

Toda a información en Linguamente 2026

Enlace ao streaming: https://tv.uvigo.es/directo1