Son Profesora Titular no Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo (2019-), con acreditación a profesora Catedrática de Universidad, e membro activo do grupo de investigación Language Variation and Textual Categorisation (LVTC, desde 2006). Na UVigo, ocupei dous postos posdoutorais sénior: Investigadora Distinguida (2017) e Investigadora Ramón y Cajal (2012-2017). Anteriormente, fun Profesora Titular a tempo completo no Departamento de Lingüística e Lingua Inglesa da Universidade de Manchester (2007-2012), onde estou afiliada como Honorary Research Fellow desde 2017.
O meu principal interese de investigación é a historia da lingua inglesa, en particular a sociolingüística histórica entre 1500 e 1900. Especialízome en lingüística normativa do século XVIII (a tradición de escritura gramatical, dos dicionarios de pronunciación e dos manuas de cartas epistolares) así como en lingüística de corpus (compilación e anotación de corpus, bases de datos e edicións dixitais). Actualmente, investigo as prácticas epistolares no período xeorxiano tardío desde unha perspectiva sociolingüística e sociopragmática. En estudos previos, analicei a construción preposition stranding, a variación en tipos de rexistro, a lingua de John Dryden e o paratexto nos libros de gramática do século XVIII, entre outros temas.
Fun Investigadora Principal (IP) ou Co-IP en varios proxectos internacionais competitivos: Unlocking the Mary Hamilton Papers c.1740-c.1850 (2019-2023, Manchester-Vigo-York), Image to Text (2011-2019, Manchester-Vigo), The Art of Writing English: A Corpus of Schoolchildren’s Writings (2014-2016, Vigo-Liverpool) e Eighteenth-Century English Grammars Database (2008-2010, Manchester-Las Palmas de Gran Canaria). Ademais, contribuín aos proxectos Paratext in 18th-century Grammars of English: Language and Society (2012-2015, Las Palmas de Gran Canaria-Vigo) e Eighteenth-Century English Phonology Database (2014-2016, Sheffield-Vigo). Desde 2008, co-coordino o ARCHER Consortium (A Representative Corpus of Historical English Registers) e tamén fun membro do Comité Asesor do GerManC project (2006-2007, Manchester).
Para máis información, véase https://lvtc.uvigo.es/people/nuriayb