Mª del Carmen Cabeza Pereiro

Son catedrática de Lingüística Xeral na Universidade de Vigo. O meu interese investigador céntrase no estudo da lingua de signos. No ámbito da docencia, nas miñas materias de grao e máster procuro que o meu alumnado teña unha visión integral da lingüística, sen esquecer a comunicación signada. Ademais, desempeño funcións no doutoramento, tanto na organización e coordinación de programas como na dirección de teses, especialmente no eido da lingua de signos e da xestualidade.
A miña investigación sobre a lingua de signos abrangue fundamentalmente cuestións de gramática e discurso. Desde unha perspectiva da linguaxe baseada no uso, liderei proxectos para a compilación e anotación de corpus e investiguei aspectos concretos da gramática, como os predicados clasificadores ou a estrutura argumental. Ademais, unha parte do corpus publicouse na plataforma iSignos, unha ferramenta ao servizo de lingüistas, intérpretes ou docentes que necesiten material signado para o seu traballo. Tamén analicei, desde unha perspectiva cognitiva e funcional, fenómenos de iconicidade moi relevantes nas linguas de signos, como a actuación da metáfora na creación léxica e a intervención da metonimia na estrutura argumental. Outro foco de interese é a planificación lingüística e o recoñecemento dos dereitos lingüísticos das persoas xordas. Desde 2019 colaboro co grupo GTM en proxectos de tradución automática, achegando a miña experiencia e coñecementos lingüísticos.
Formo parte do grupo de investigación Gramática, Discurso e Sociedade (GRADES) da Universidade de Vigo e do grupo de innovación docente Linkterpreting: ensinar desde os dereitos humanos. Investiguei sobre o sexismo lingüístico e estou implicada en proxectos de análise e mellora da comunicación, formación e información en contextos de violencia de xénero, especialmente con vítimas xordas.