Carla Míguez Bóveda (Vigo, 1997) é investigadora predoutoral a través das «Axudas para a contratación de persoal investigador predoutoral en formación da Universidade de Vigo, 2022». Tras graduarse en Tradución e Interpretación en 2020 e cursar o Máster en Tradución para a Comunicación Internacional en 2021, na actualidade escribe a súa tese no marco do Programa de Doutoramento en Tradución e Paratradución na Universidade de Vigo. Coa súa investigación busca reivindicar a necesidade de especialización para a tradución de textos queer, así como a normalización da linguaxe non-binaria en galego. Malia que o seu traballo se centra nos estudos de lingua e xénero, ámbito no que publicou diversos artigos e capítulos de libro, así como conferencias, seminarios e obradoiros, tamén enfoca a súa investigación cara ao campo da normalización lingüística.