Ana Fernandez Mosquera

Ana F. Mosquera é licenciada en Filoloxía Xermánica pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Vigo. É membro fundadora da Asociación Nacional de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (ANILIJ), creada en 1999, e forma parte da súa xunta directiva desde entón. Ademais, exerce como secretaria e editora asistente do Anuario de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil. A súa investigación céntrase na literatura xuvenil anglosaxona do século XIX e na literatura infantil e xuvenil desde unha perspectiva de xénero. Participou en proxectos de investigación financiados polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a Xunta de Galicia, a Universidade de Vigo e a Unión Europea, entre outras entidades. As súas achegas científicas inclúen artigos, recensións e libros publicados tanto a nivel nacional como internacional. Foi relatora en xornadas, congresos e encontros científicos celebrados en países como Xapón, México, Estados Unidos, Alemaña, Italia, Francia ou Bélxica, e formou parte da organización de numerosos congresos e xornadas entre 1999 e 2024. É membro colaboradora do grupo de investigación AI1 “Translation, Accessibility, Literature and Screen”. Como experta en Promoción e Xestión de Proxectos e Actuacións Internacionais de I+D+i pola Universidade Politécnica de Madrid, a súa traxectoria profesional desde 2018 está vinculada á promoción de proxectos internacionais de investigación. Actualmente traballa como técnica superior de proxectos internacionais na Oficina de Proxectos Internacionais (OPI) da Universidade de Vigo, desde onde asesora ao persoal investigador na identificación e preparación de propostas para convocatorias de financiamento europeo.