Ana Acuña Trabazo é doutora en Filoloxía Galega e pertence ao Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo. As súas liñas de investigación son as seguintes:
- A literatura galega, liña iniciada co estudo sobre escritores e escritoras en lingua galega ao longo de todos os períodos históricos e continuada co estudo do feito literario alofónico. Nos últimos anos profundou en cuestións relacionadas co xénero, a ecocrítica, o ecofeminismo e a ecoanimalidade, froito da súa participación en diferentes proxectos de investigación (https://irgal.es/)
- O labor dos galegos e das galegas no exterior. Esta liña iniciouse con motivo da súa tese de doutoramento e, posteriormente, estendeuse ao estudo do exilio feminino, literario e cultural.
- A literatura popular de transmisión oral en Galicia e Portugal e a oratura. Esta liña iniciouse grazas á participación no proxecto sobre o Patrimonio Sonoro do Consello da Cultura Galega e continuou grazas a bolsas de estudos en Portugal. Ademais de cuestións teórico-prácticas, profundouse na relación da literatura popular coa literatura de autor, coa lingua, coa socioloxía e coa antropoloxía, sen esquecer a presenza feminina.
- Dada a súa docencia nunha Facultade de Ciencias da Educación, algunhas das liñas investigación abordadas teñen que ver co ámbito educativo como é o caso da resolución pacífica de conflitos ou a metodoloxía TPR para o ensino da lingua galega.
Por último e como complemento do anteiror, a colaboración mantida con distintas asociacións e institucións oficiais motivou a investigación sobre autores e autoras vinculadas a Pontevedra, a edición de antoloxías, a preparación de exposicións e a elaboración de camiñadas literarias.