Doutor pola Universidade de Salamanca con premio extraordinario de doutoramento, Alexandre Rodríguez Guerra é profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo. Nas últimas décadas participou regularmente en proxectos de investigación de ámbito galego e estatal, que se vertebraron ó redor de tres eixes fundamentais: a lingüística histórica (abordada dende as perspectivas sintáctica, paleográfica ou grafemática), os recursos e ferramentas informáticas para a lingua galega, e o léxico (dende as perspectivas neolóxica e lexicográfica).
Organizou actividades científicas con repercusión internacional como o III Coloquio de Lingüística Histórica ou o Simposio internacional “E irei madr’a Vigo”, e participou nos comités organizadores de diferentes congresos internacionais. Na súa traxectoria investigadora, inclúense distintas monografías (entre elas Miguel de Unamuno e a lingua galega), a (co)edición de libros como Neoloxía e lingua galega: teoría e práctica, Lingüística histórica e Dialectoloxía: coordenadas do cambio lingüístico ou The Vindel Parchment and Martin Codax, así como artigos e capítulos de libro, que se centran en catro grandes eidos de investigación: (i) a sintaxe histórica galega, (ii) o léxico e os neoloxismos do galego e doutras linguas románicas, (iii) a grafemática galega medieval e (iv) a historia externa da lingua galega.
Codirixiu dúas teses de doutoramento e outras dúas están nunha fase moi avanzada de realización. Coordina con Xosé M.ª Gómez Clemente o Observatorio de Neoloxía da Lingua Galega Universidade de Vigo e tamén coordina dende 2022 o grupo de investigación Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega (TALG). É coeditor da revista Locus Criticus. Locus Criticus. Crítica Textual en Rede e dirixe a revista Cumieira das Letras.