María Esperanza Rama Martínez

Esperanza Rama Martínez é titular de universidade no Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo. Licenciouse en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago de Compostela en 1990. Un ano despois obtivo o título de Máster en Lingüística Aplicada (Discourse Studies for Language Teaching and Learning) pola Universidade de Liverpool (Reino Unido). De volta á USC, doutorouse en Filoloxía Inglesa no 2001 coa tese titulada Political Interviews, Talk Show Interviews, and Debates on British TV: A Contrastive Study of the Interactional Organisation of Three Broadcast Genres. É membra do grupo de investigación Language Variation and Textual Categorisation (LVTC) da UVigo e coeditora da revista Babel-AFIAL: Aspectos de Filoloxía Inglesa e Alemá da mesma universidade. As súas liñas de investigación céntranse principalmente nos eidos da análise da conversa, a pragmática e a fonética suprasegmental, dende os que estuda a interacción oral en contextos institucionais, tales como a corte de xustiza e a televisión. Interésanlle sobre todo os elementos que estruturan a situación dialóxica (alternancia de turnos, estruturas secuenciais, secuencias de conformidade, aperturas e peches); a relación entre os roles discursivos e o uso e tipoloxía de estruturas gramaticais fragmentadas; a contribución da prosodia e a kinésica á interacción oral, con especial atención aos comportamentos interruptivos; e o uso e tipoloxía dos actos de fala e das estratexias de cortesía en relación aos obxectivos comunicativos. Outra liña de investigación enmárcase na análise crítica do discurso, dende a que investiga a relación entre as manifestacións de poder e as funcións asociadas a determinados roles institucionais.