Son catedrático de Literatura Española no Departamento de Literatura española e Teoría da Literatura da Universidade de Vigo, á que me incorporei en 1997, e formo parte do grupo de investigación e-Lite (Edicións e estudos de literatura española).
A miña traxectoria investigadora sempre estivo relacionada coa época medieval e especialmente coa literatura do século XV: prosa de ficción sentimental, libros de viaxes e, de xeito particular, poesía de cancionero. Neste último ámbito téñome ocupado de aspectos como os relativos á edición crítica de textos ou á análise de xéneros, métrica, autores, recursos retóricos ou motivos temáticos en cancioneiros de diferentes épocas. Pode dicirse que ao longo dos anos puiden conformar unha produción científica coherente tanto no relativo ás miñas publicacións e participacións en foros internacionais, así como en canto a dirección de teses doutorais ou a tarefa de avaliador de publicacións e proxectos para diferentes revistas, editoriais ou axencias nacionais e autonómicas.
Tras participar en diferentes proxectos e redes de investigación, actualmente lidero como IP un equipo internacional integrado por destacados especialistas de seis países diferentes que xa recibiu en diferentes convocatorias financiamento do Plan Estatal de Xeración de Coñecemento da AEI. Recompilamos información do contexto histórico, lingüístico e literario en que se xesta e difunde a poesía de cancioneiro nas súas orixes e, de forma simultánea, a relectura que de todo este contexto leva a termo a literatura española posterior ata a actualidade. Este equipo xa ofreceu como froito diferentes monográficos en forma de libro e en volumes especiais de revistas indexadas, a coordinación de mesas en congresos internacionais do noso ámbito ou a organización de reunións científicas, moitas delas en colaboración con outros proxectos e grupos nacionais e estranxeiros.