adscricion2025

CHAMADA PÚBLICA DE ADSCRICIÓN AO INSTITUTO DE INVESTIGACIÓN LINGUA

(acordada na sesión do comité científico do 8/4/2025)

PREÁMBULO

                O Instituto de investigación LINGUA (iLingua), con sede física na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo, é un Instituto propio de carácter multidisciplinar cunha finalidade de investigación, innovación científica e transferencia de coñecemento no eido da lingüística e as linguas. As súas liñas de actuación inclúen: lingüística interna e variación lingüística; sociedade, ideoloxía e política lingüística; linguas, cognición e educación; tradución e interpretación; lingua e literatura; lingua e accesibilidade; humanidades dixitais.

                Co iLingua, o persoal investigador da UVigo ten a oportunidade de optimizar a coordinación, mellorar indicadores de desempeño e aumentar a súa visibilidade internacional, acadar niveis sostibles de financiamento autonómico, estatal e internacional, así como optar a oportunidades de captación e atracción de recursos humanos asociadas a un centro constituído como unha contorna de investigación atractiva.

                A política de incorporación ao iLingua baséase nun sistema de adscrición individual co obxectivo de abrir as portas a aquelas/es investigadoras/es da UVigo, de calquera ámbito científico, que desenvolvan liñas de traballo compatibles coa axenda científica do Instituto e que desexen integrarse nel.

PERSOAS CANDIDATAS ELIXIBLES E PROCESO DE ADSCRICIÓN

  • PERSOAL DA UVIGO (Perfil 1)

                O proceso de vinculación de persoal investigador da UVigo no iLingua está descrito no artigo 9 do Regulamento de réxime interno:

Artigo 9. Vinculación do persoal investigador

Inicialmente formará parte do iLingua o persoal mencionado na memoria de creación do mesmo. A vinculación dun/ha investigador/a ao iLingua poderá ter lugar á instancia da Comisión científica, do Consello asesor externo, da/o director/a ou da persoa interesada.

Trala súa creación, o iLingua fará unha convocatoria para a adscrición de novas/os investigadoras/es, aberta ao conxunto do profesorado e persoal investigador da UVigo.

                Este proceso de vinculación diríxese ao persoal definido no artigo 5 do antedito Regulamento:

Artigo 5. Persoal integrante

Poderán ser membros do iLingua:

– investigadoras/as vinculadas/os: persoal docente e investigador doutor vinculado a tempo completo á UVigo (…)

– investigadoras/es non permanentes: persoal investigador contratado especificamente con cargo a programas ou a proxectos de investigación de acordo co marco laboral e normativo aplicable

– investigadoras/es en formación: persoal investigador matriculado en programas de doutoramento da UVigo que conte coa dirección ou coa codirección dun/ha investigador/a vinculada/o ao iLingua.

                As características da integración están definidas no artigo 8:

Artigo 8. Dedicación do persoal investigador

O persoal investigador poderá estar vinculado formalmente a un só Instituto, entendéndose que a súa actividade investigadora e a súa produción científica (investigadora e de transferencia), aos efectos de filiación e valoración de indicadores, estará vinculada ao iLingua. Poderá visibilizarse a súa adscrición complementariamente a outras unidades académicas ou de investigación (Departamentos, grupos, Facultades, Escolas) ás que o persoal poida estar adscrito. (…).

O persoal investigador incorporado ao iLingua asumirá un compromiso de vinculación mínimo de tres anos.

  • PERSOAL EXTERNO Á UVIGO (Perfil 2)

                O proceso de vinculación de persoal investigador externo á UVigo no iLingua está descrito no artigo 6 do Regulamento de réxime interno:

Artigo 6. Persoas colaboradoras externas. O iLingua poderá colaborar con persoas externas relacionadas co ámbito de estudo do mesmo. As persoas colaboradoras externas non terán a condición de persoal integrante do iLingua.

                Poderán pedir a vinculación como persoal colaborador externo as persoas cunha traxectoria investigadora consolidada vinculada significativamente aos proxectos e á actividade investigadora dos membros do iLingua.

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

                A data límite para a presentación de solicitudes é o 15 de outubro de 2025. As persoas solicitantes deberán cumprimentar o formulario en liña de expresión de interese (no Anexo pódense consultar os apartados que inclúe), no que se lle pedirá que cargue o seu curriculum vitae (en galego, español ou inglés), en calquera formato, preferentemente CVA (abreviado de 4 páxinas).

PROCESO DE AVALIACIÓN DAS SOLICITUDES

                As solicitudes serán avaliadas pola Comisión científica, tralo informe previo do Consello asesor externo, atendendo a criterios de méritos de investigación e idoneidade, e respectando os principios de igualdade de oportunidades. As solicitudes aprobadas serán remitidas á Xunta directiva para a súa ratificación e serán comunicadas á Vicerreitoría de investigación da UVigo.

ANEXO. FORMULARIO DE EXPRESIÓN DE INTERESE

Deberá completarse en liña, a través do formulario (require autenticarse con conta Google): https://forms.gle/Z6sT9hecUKiSExkaA

DATOS PERSOAIS

  • Apelidos, nome
  • Código ORCID
  • Correo electrónico

MODALIDADE DE ADHESIÓN

  • membro do iLingua (perfil tipo 1)
  • persoal colaborador externo (perfil tipo 2)

DATOS PROFESIONAIS

  • Institución
  • Departamento
  • Área de coñecemento
  • Facultade/Escola/Centro
  • Categoría profesional actual
  • Grupo de investigación

TRAXECTORIA INVESTIGADORA

  • A súa categoría profesional permite/permitiu a solicitude de sexenios?
  • Nº de sexenios de investigación acadados
  • Acadou sexenio de transferencia?
  • Nº de proxectos de investigación competitivos (autonómicos, estatais, estranxeiros, internacionais) dos que foi IP ou co-IP nos últimos 10 anos
  • Nº de proxectos de investigación competitivos (autonómicos, estatais, estranxeiros, internacionais) nos que participou como membro do equipo investigador nos últimos 10 anos
  • Nº de proxectos de investigación competitivos (autonómicos, estatais, estranxeiros, internacionais) nos que participou como membro do equipo de traballo nos últimos 10 anos
  • Liderou ou formou parte de equipos que desenvolveran actividades de transferencia do coñecemento nos últimos 5 anos? Descríbaas brevemente.
  • Resumo das súas achegas científico-técnicas máis relevantes nos últimos 10 anos (máx. 200 palabras; en galego, español ou inglés)

XUSTIFICACIÓN DA SOLICITUDE

  • Motivación do seu desexo de integración no iLingua e xustificación da súa afinidade coas liñas de actuación principais (lingüística interna e variación lingüística; sociedade, ideoloxía e política lingüística; linguas, cognición e educación; tradución e interpretación; lingua e literatura; lingua e accesibilidade; humanidades dixitais); no caso do persoal externo á UVigo que solicite a súa adscrición como colaborador externo, xustificación do seu vínculo aos proxectos e á actividade investigadora dos membros do iLingua (máx. 200 palabras; en galego, español ou inglés)
  • Carga do documento co curriculum vitae (en calquera formato, preferiblemente CVA abreviado; máx. 100 MB)